Noticias

Diego Reboredo:

Diego Reboredo: "A Marcos Vidal non lle afecta este cambio nin procesal, nin persoalmente"

Un cambio na declaración do autor confeso da morte de Manuel Rivas abriu a porta a que a viúva pasara a ser investigada. El, sostén o seu avogado defensor, "non vai sacar rédito" desta situación

fuente

O avogado defensor do autor confeso do crime de Ponte Caldelas deberá informar en poucos días ao seu cliente sobre o cambio de estado procesal de Sandra M., a súa examante, que agora pasa a ser investigada polos mesmos feitos que o manteñen a el en cadea. Esa conversa co seu cliente aínda non se produciu, pero Diego Reboredo xa ten claro que Marcos Rivas "é un convidado de pedra" nesta fase que se abrirá agora e que isto non cambiará para nada a súa estratexia de defensa.

Un auto da Audiencia Provincial acaba de cambiar o status de Sandra M., a viúva da víctima de Marcos Vidal e a súa examante. Cambia iso os plans para a defensa?

Non. O perfil das probas de Marcos está bastante claro. El é o autor confeso duns feitos que xa se calificarán como homicidio ou asasinato, iso está por ver. Con respecto a este auto, non o entendemos como un cambio importante para el. Ábrese un novo campo na investigación que afecta só á viúva.

É dicir, que considera que é preferible que haxa unha separación entre ambas investigacións?

Nós, ante os recursos que presentou o avogado que representa á familia do finado, de Manuel Rivas, o que fixemos foi apoialo. Fixémolo así no recurso de reforma e na vista que se celebrou polo recurso de apelación. Apoiamos no sentido de que se tiña que aclarar unha serie de aspectos que tiñan que ser explicados por Sandra. Entendiamos que era necesario que así fora. Todo isto se fai co consentemento do meu cliente, por suposto. Porque a situación de Vidal é de preso preventivo e iso non o beneficia.

"Isto prexudica a Marcos, no sentido de que se alonga o proceso de espera polo xuízo, pero el tamén quere que se clarifique a situación da súa examante"

E logo, isto que supón para el?

Pois, como digo, non lle beneficia, posto que meu cliente non ten acceso aos recursos penitenciarios encamiñados á reinserción, como preso preventivo que é. Por tanto, mentres siga así, non ten acceso a cursos de orientación laboral, a talleres ou a algún tipo de beneficio penitenciario. Leva dous anos así. E isto prexudícao, no sentido de que se alonga o proceso de espera polo xuízo. A parte de que, obviamente, quere saber a que condena se terá que enfrentar. Pero bueno, é certo tamén que Marcos quere que se clarifique a situación da súa examante.

Que se clarifique en que sentido?

A ver, el prestou unha nova declaración. Cando me personei nesta causa e me reunín por primeira vez con Marcos, el comentoume que quería volver a declarar porque había cousas que entendía que non foran ditas por el e que quería manifestalas porque eran a verdade. Prestou esa declaración na cal se desdixo de declaracións feitas anteriormente, no sentido de que el acabara coa vida de Manuel porque quería facela sufrir, que non era así. E, bueno, evidentemente, iso axudou a que Sandra esté como investigada.

Pero el era consciente de que a súa declaración ía conducir a isto?

Si. Si sabía que podía acabar así. Aínda que nas súas mans tampouco estaba realmente ese cambio, xa que el é un investigado. Un dereito de defensa do imputado é o de faltar á verdade. Os testimonios dos investigados téñense en conta daquela maneira. Pódeselles facer caso ou non facer caso. O que sucede é que nesta segunda comparecencia hai elementos que encaixan máis coas dilixencias obxectivas do procedemento xa realizadas.

"Na segunda comparecencia do meu cliente hai elementos que encaixan máis coas dilixencias obxectivas xa realizadas"

Consciente ou inconscientemente, os investigados poden tentar encaixar un puzle a medida das probas...

El pode dicir o que queira, que se non hai un respaldo probatorio, non vai pasar nada. O que pasa neste caso é que o que dixo Marcos encaixaba máis coa famosa chamada ao 112 de Sandra, que ela fixo antes de recibir a foto. Despois, hai unha serie de chamadas que se fan o un ao outro na madrugada do día anterior, que veñen a encaixar máis, como unha especie de puzle, con ese vaciado dos teléfonos. Nós non temos réditos que se poidan sacar de todo isto. Agora estamos a expensas de que se complete a investigación sobre ela, e meu cliente a esperar que a condena sexa o menos dura posible.

Falando dos atenuantes, ter declarado podería ser un deles?

Non. Algúns xa os tiña, como chamar á Garda Civil confesar os feitos e entregarse. Un atenuante de arrepentimento e cooperación coa xustiza. A reparación de dano consiste en pagar. Si se podería aplicar ese atenuante, pero de momento non hai unha cuantificación, nin do Ministerio Fiscal nin da acusación particular.

Marcos coñece o cambio do estado procesal da viúva?

Non llo comuniquei aínda.

A nivel persoal, el era favorable a que se producira?

El fixo unha declaración, independemente do aberrante dos feitos que cometeu, quixo poñer as cousas claras con respecto aos detalles que quedaran no tinteiro e quedar así tranquilo. E así o fixo. A el non lle afecta este cambio con respecto a Sandra, nin procesal nin persoalmente.

A denuncia por maltrato presentada o ano pasado cambiou o seu ánimo cara ela? Foi un revés?

Non. Era previsible, vendo as declaracións de Sandra na instrucción penal. Non cambiou nada porque o xuízo gañouse e non significará nada a nivel de máis ou menos condena.

 

¿Qué es el tercer grado? Cuatro años y tres meses de prisión por secuestrar y torturar a un amigo
25 of 31